Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta convoca unha nova edición dos premios Talento Mozo para recoñecer a traxectoria e capacidade da mocidade galega


— Distinguiranse as mellores candidaturas nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e creación

— As persoas gañadoras en cada unha das categorías recibirán un premio en metálico de 5000 euros, ademais dunha distinción honorífica e un diploma acreditativo

A Xunta abriu esta semana o prazo de presentación de solicitudes á terceira edición dos premios Talento Mozo Galicia, cos que recoñece e dá visibilidade ao enxeño e capacidades das mozas e mozos da xuventude da Comunidade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado martes, día 14 de febreiro, as bases e a convocatoria deste certame, no que se distinguen cinco modalidades: Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e creación.

As persoas interesadas en concorrer a estes galardóns teñen un mes de prazo —contado a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no DOG— para presentar as súas solicitudes por medios electrónicos, a través do formulario que teñen dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica. Os requisitos son ter entre 18 e 35 anos, estar domiciliado en Galicia e contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio polo que compita. Ademais, unha mesma persoa non poderá presentarse como candidata a máis dunha modalidade do premio e os gañadores en edicións anteriores non poderán volver presentarse nin na categoría na que resultasen galardoadas nin nas demais.

Así mesmo, as mozas e mozos que se presenten a Talento Mozo Galicia deberán achegar coa solicitude unha memoria descritiva do proxecto ou traxectoria que opta ao premio; o seu currículo e documentación oficial acreditativa dos méritos alegados. Tamén poderá achegar outra documentación que considere relevante, como apoios á candidatura, publicacións ou fotografías.

Premios
A persoa gañadora en cada unha das modalidades recibirá unha gratificación económica de 5000 euros, ademais dunha distinción honorífica e un diploma acreditativo. A entrega de premios Talento Mozo Galicia farase nun acto público de carácter institucional co fin de poñer en valor ás persoas gañadoras en cada unha das categorías.

O xurado do certame estará formado por un máximo de doce membros, que serán designados entre persoas destacadas no ámbito institucional e social pola súa relevancia profesional e persoal en cada unha das modalidades do certame.

Os gañadores das dúas primeiras edicións dos premios Talento Mozo Galicia pódense consultar na páxina web de Xuventude, tanto no ano 2020 como no 2021.